esg

   Espazo Socialista Galego

info@espazoaberto.org

Entrevista a Xoán Carlos Bascuas

15/11/2008

Polo seu interese, publicamos a entrevista publicada o 13 de novembro no xornal dixital galego GZNACION.

Como xurde Espazo Socialista Galego?
A idea xurde polo 10 de maio cando un grupo de homes e mulleres do BNG, partindo de diferentes experiencias políticas, constatamos que o espazo político do socialismo democrático non ten o cauce axeitado para a súa expresión. Nese intre decidimos artellarnos organizadamente e a resultante final foi xerar un proceso que se deu en chamar Espazo Aberto e que finalmente concluíu coa xeración dun partido político, Espazo Socialista Galego.

Como se define Espazo Socialista Galego?
Como todo corpo ideolóxico hai unha diversidade de matices que é difícil resumir, pero poderíamos dicir que, aténdonos ao nome, somos un ‘espazo’, porque, a pesares de sermos un partido e estar estruturados como tal, entendemos que ten que haber unha estrutura horizontal da organización na que exista unha correlación e unha corresponsabilidade entre o conxunto da militancia. Ten que haber unha reciprocidade entre a dirección e a militancia.
Somos ‘socialistas’ porque acreditamos en principios como a redistribución das riquezas, a igualdade de oportunidades, a participación dos poderes públicos no funcionamento da economía, e entendemos que a prestación de servizos sociais e a xeración do Estado do Benestar debe ser un servizo básico e non un privilexio. E logo, evidentemente tamén somos galegos e somos nacionalistas, e como tal defendemos para o noso pais a máis elevada cota competencial que pode reclamar calquera nacionalista.

Que vai achegar Espazo Socialista ao BNG?
Un novo xeito de pensar e un novo xeito de facer política. Entendemos que as forzas políticas que están non interior do BNG deben centrarse máis na cuestión ideolóxica e tentar impregnar a acción colectiva do BNG da súa forma de ver a política. E iso é unha das cousas que nós imos tentar facer. E importante que cada colectivo e cada partido político teña os seus referentes, máis o verdadeiramente importante, o que caracteriza a un partido dentro do BNG, é a súa expresión e a súa forma de pensar. Iso é algo no que imos poñer o acento.

Acabades de nacer, cales son os retos que tedes fixado a curto prazo?
Dunha forma inmediata, o noso obxectivo é dotarnos dun tecido territorial máis amplo do que temos agora mesmo. Dar a coñecer o noso proxecto ao conxunto de homes e mulleres do BNG. Pretendemos, tamén, servir de porta de achega e de entrada á xente que aínda non participa no BNG e en definitiva traballar no que poden ser os vimbios dunha organización política tenaz.

Resaltabades na presentación a importancia que vai ter a mocidade para Espazo Socialista Galego. En que aspectos ser vai a reflectir?
O da mocidade é importante porque, para ben ou para mal, a nosa e unha organización cunha media de idade máis baixa que a maioría de formacións. Isto significa que a nosa xente moza ten que madurar politicamente moito máis rápido do que adoita acontecer en outras forzas e ademais terán que asumir responsabilidades dentro do partido. Pero estamos certos de que a nosa mocidade esta preparada para isto e para moito máis. Este é un proxecto que evidentemente non ten unha data de caducidade senón que ten unha visión e unha proxección a moi longo prazo, o que implica tamén pensar nunha organización de futuro, non só de presente.

Como foi acollido ESG por parte do resto de partidos que conforman o BNG?
Penso que positivamente. O BNG é un sitio de encontro para todos os nacionalistas de ben e a impresión que teño é que fomos perfectamente acollidos. A presenza de Alberto Ansede en representación do BNG, no acto de presentación, para nós foi moi importante e de igual xeito o calor que nos transmitiron os compañeiros doutros grupos alí presentes. Penso que fomos ben acollidos. Ninguén me fixo chegar en ningún momento ningún tipo de preocupación nin resquemor. Todo o contrario, todo foron parabéns e felicitacións.

E en canto ao panorama político de Galiza, como ves ao BNG de cara as vindeiras eleccións?
Penso que vai a saír claramente reforzado. Nós temos un compromiso coa cidadanía aplicamos unha política que ten a súa orixe en escoitar cales son os problemas dos cidadáns e en intentar satisfacer as súas demandas. Estamos actuando en base a que a mellora no benestar do cidadán está bencellada á cuestión nacional e canto máis autogoberno haxa mellor vivirá a nosa cidadanía. Estamos presentando alternativas para paliar os problemas derivados da crise económica. Eu creo que de todo isto o cidadán consciente vai tomar boa nota e que se notará nas eleccións.

 

Constitúese ESPAZO SOCIALISTA GALEGO

08/11/2008

Após varios meses de traballo interno e externo e debate, o 8 de novembro de 2008 celébrase en Compostela a Asemblea Nacional Constituínte do ESPAZO SOCIALISTA GALEGO (ESG), a nova organización política que nace no seo do BNG como xestación do proceso Espazo Aberto.

A Asemblea Nacional Constituínte aprobou os Estatutos e os documentos Ideolóxico e de Acción Organizativa de ESG para os vindeiros dous anos. Conformouse o Consello Político Nacional como máximo organismo de dirección entre asembleas, cunha composición de 25 membros máis logo a incorporación dos respectivos secretarios comarcais. A relación destas persoas que compoñen o Consello Político Nacional, que encabeza XOÁN CARLOS BASCUAS JARDÓN en calidade de novo Secretario Xeral, é a seguinte:

1. XOÁN CARLOS BARCUAS JARDÓN.
2. Rosario Fernández Velho (Charo)
3. Xosé Ramón Paz Antón (Quico).
4. Mónica Góñez Silva.
5. Vítor Manuel González Meizoso.
6. Tereixa García Pita.
7. Xosé Manuel Ferro Prieto.
8. Xosé Lois Piñeiro García.
9. Eva Rodríguez Rodríguez.
10. Saúl Santín Dablanca.
11. Cristina Santos Díaz.
12. Manuel Xesús Fontán Bouzas.
13. Susana Seoane Dovigo.
14. Manoel Bello Salvado.
15. Irene Quintela Ferreiro.
16. Alberte Vila González.
17. Uxía Araúxo Otero.
18. Henrique García Rodríguez.
19. Paulo Carlos López López.
20. Sabela Oca González.
21. Xosé María Rodríguez Rodríguez.
22. Xosé Paradelo Pombo.
23. Raquel Sánchez Mata.
24. Raúl Francés Rodríguez.
25. Antonio Oca Fernández.

 

 

Elexiuse tamén a Executiva Nacional do ESG, que compoñen:

Xoán Carlos Bascuas Jardón
Rosario Fernández Velho (Charo)
Xosé Ramón Paz Antón (Quico)
Mónica Góñez Silva
Tereixa García Pita
Saúl Santim Da Branca
Manuel Xesús Fontán Bouzas
Manoel Bello Salvado
Alberte Vila González
Paulo Carlos López López
Antonio Oca Fernández

 

Finalmente, a Asemblea Nacional Constituínte pechouse cun acto de encerramento no que tomaron parte membros destacados do BNG e representantes dos distintos colectivos integrantes da Frente.

 

 

 

 

 

 

O Proceso Constituínte dotase dos Relatorios a debate para a súa discusión no ámbito comarcal

13/08/2008

A Comisión Xestora Nacional do Espazo Aberto aproba os documentos a debate para a Asemblea Nacional Constituínte dunha nova organización política, dando deste xeito traslado ás estruturas comarcais estes textos para a súa discusión e debate.
Para ollar os documentos:
- Normativa da RAG
- Normativa da AGAL

 

Constitúese ESPAZO ABERTO

10/05/2008

Un numeroso grupo de militantes independentes do BNG reúnense en Compostela e acordan encetar un proceso cívico-político encomendado de promover a xestación dunha nova organización política no seo do BNG cos alicerces ideolóxico-políticos do socialismo galego.

  

  

 

Un nova oportunidade para o Socialismo Galego

02/05/2008

 

Contactar con ESPAZO SOCIALISTA GALEGO en: info@espazoaberto.org